Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
Unha xornada visibiliza o traballo social, económico e político para impulsar a transición enerxética local
O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) deu a coñecer os detalles do que será o primeiro parque eólico comunitario de Galicia, nunha xornada desenvolvida na Fac de CC. Económicas e Empresariais da UVigo.
O campus de Vigo reuniu a representantes de entidades locais, concellos, deputacións, Xunta, comunidades de montes e outras iniciativas nunha xornada para visibilizar o traballo social, económico e político que se esta a levar a cabo para impulsar a transición enerxética local. A xornada Comunidades enerxéticas e iniciativas comunitarias. O ecosistema galego serviu para facer unha posta en común das propostas que se levan a cabo dende diferentes ámbitos para impulsar esta transición controlada pola cidadanía e as pemes locais.
Como explicou na apertura o catedrático do departamento de Economía Aplicada da UVigo e integrante do CISPAC, Xavier Simón, a xornada está organizada polo Observatorio Eólico de Galicia (OEGA), do que é responsable, xunto co Centro Interuniversitario de Investigación da Paisaxe Atlántica, CISPAC, a Universidade de Vigo e o proxecto EC4Rural, entidades todas elas “aliñadas para traballar no desenvolvemento da transición enerxética dende o ámbito comunitario e sobre todo no medio rural”.
O OEGA creouse en 2019 a partir da sinatura do Convenio pola UVigo, a Fundación Isla Couto e a Fundación Juana de Vega. Posteriormente, en 2023, a Fundación Paideia Galiza incorporouse ao padroado do Observatorio.

