Transferencia e Divulgación

Transferencia e Divulgación


O proxecto europeo EC4Rural reunirá no campus de Vigo especialistas internacionais para debater sobre as comunidades enerxéticas rurais

Coordinado polo catedrático de Economía Aplicada e integrante do CISPAC, Xavier Simón, o proxecto ten como obxectivo contribuír a unha transición enerxética limpa en Europa a través dunha participación activa e xusta das comunidades rurais.
Baixo o título “Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara a enerxías limpas”, nesta cita participarán especialistas tanto de universidades como de axencias e organismos da Unión Europea e de España, Estonia, Austria e Croacia. O evento coincide co ecuador do proxecto EC4Rural, cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea. Cunha duración total de catro anos, a UVigo lidera o consorcio multidisciplinar do que forman parte a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Energía, a Unión LEADER de Estonia, Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o Desenvolvemento Rural, de Bélxica. O proxecto comprende a posta en marcha de dous subproxectos piloto, en Estonia e España, con comunidades enerxéticas rurais que produzan electricidade mediante paneis fotovoltaicos sobre tellados de edificios públicos. O obxectivo final é analizar as posibilidades de replicar estas experiencias a nivel europeo.