Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
O departamento de Economía Aplicada adhírese ao Manifesto de oposición a unha nova macro-celulosa en Galicia promovido desde a comunidade científica
No seu Consello de Departamento do 29 de xullo de 2024 aprobouse, por asentimento, asinar dito manifesto que visibiliza a desconformidade de grande parte da comunidade científica co proxecto que a empresa Altri pretende levar a cabo en Galicia.
“O proxecto de instalación dunha nova fábrica de celulosa en Galicia supón unha forte ameaza para o medioambiente e a conservación da biodiversidade en todo o territorio galego. Galicia non debería basear a súa economía en industrias extractivas que implican unha profunda deterioración do patrimonio natural. Pola contra, debería traballar cara a unha xestión forestal máis sustentable, reducindo progresivamente a superficie ocupada por especies de eucalipto e promovendo a diversificación dos ecosistemas. Esta racionalización do uso forestal do eucalipto permitiría avanzar na recuperación dos ecosistemas e da biodiversidade nun ámbito rural ecosocialmente multifuncional.
Galicia non pode no século XXI ligar o seu futuro económico a un modelo produtivo incompatible cos obxectivos ambientais. Consideramos, polo contrario, que debe desenvolver a súa economía en liña coa maioría dos países europeos onde se pretende que a recuperación e restauración ecolóxica (Lei de Restauración da Natureza, aprobada polo Consello da Unión Europa o 17 de Xuño de 2024) sexan un eixo esencial do desenvolvemento económico realmente sustentable”.

