Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
Arranca Montes Vigo 2046, a estratexia coa que construír e pór en valor un monte vigués máis sostible
O obxectivo deste proxecto é deseñar unha estratexia que poña en valor os múltiples servizos que o monte periurbano proporciona á sociedade e concienciar ao tecido social e empresarial da crucial importancia do monte no benestar social.
O proxecto Montes Vigo 2046 é unha iniciativa que chega da man da Mancomunidade de Montes de Vigo, a Universidade viguesa e a Fundación Biodiversidad, tres institucións que unen forzas e coñecementos para tratar de identificar e valorar os principais servizos ecosistémicos que os 14 montes veciñais en man común da cidade olívica achegan á cidadanía, definindo estratexias mancomunadas de xestión sostible para os vindeiros 25 anos.
A profesora de Economía Aplicada, María Xosé Vázquez, e o profesor Salustiano Mato, ambos da UVigo, foron os encargados de explicar que o grupo de Bioloxía Ambiental e o grupo GEN serán os encargados de investigar os servizos ecosistémicos, particularmente os servizos culturais/recreativos e os recursos hídricos, facendo unha valoración económica dos mesmos. De xeito complementario realizarase tamén a análise da captación de CO2 agregada.

