Transferencia e Divulgación

Transferencia e Divulgación


A UVigo segue a espertar vocacións científicas coa publicación da 4ª edición do catálogo ‘Quero ser investigadora’

A publicación está dirixida ao alumnado de ensino secundario e distribúese nos institutos de toda Galicia, tamén nunha versión dixital. A maiores o libro acompáñase dunha guía didáctica de cara a facilitarlle ao profesorado o traballo nas aulas.
Valorar e dar visibilidade ás investigadoras da institución, ademais de tratar de espertar a vocación científica entre a mocidade galega con figuras femininas da súa contorna como referencia, son os principais obxectivos cos que a Universidade de Vigo acaba de publicar un novo volume, o cuarto xa, do catálogo Quero ser investigadora. María Dolores Garza Gil, catedrática do departamento de Economía Aplicada, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e investigadora adscrita ao centro de investigación interuniversitario ECOBAS, afirma na publicación que “o que máis lle gusta do seu traballo e contribuír a mellorar o progreso e o benestar da sociedade actual e das xeracións futuras”. Esta publicación, financiada pola Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo (UCC+i).