Transferencia e Divulgación

Transferencia e Divulgación


A UVigo reunirá a entidades comunitarias para impulsar a transición enerxética desde o rural de Galicia

A iniciativa é impulsada polo “Observatorio Eólico de Galicia”, o proxecto Life EC4Rural, a spin-off da UVigo “Enerxía Comunitaria”, o Cispac e o “Observatorio dos Montes en Man Común e Baldíos”.
A xornada, titulada “Encontro de Entidades Comunitarias que traballan e impulsan a Transición Enerxética Comunitaria”, ten como obxectivo converterse nun punto de encontro entre os distintos actores que, desde o ámbito comunitario, están a liderar ou a impulsar procesos de transición enerxética en Galicia. Así, Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC), asociacións, cooperativas, notarios, avogados, investigadores e representantes do sector privado e das administracións públicas, compartirán propostas, coñecemento e experiencias propias para explicar como, desde o ámbito local, están xa traballando para transformar as relacións entre elas e con entidades rexionais e nacionais, co obxectivo último de contribuír á transición enerxética limpa de Europa. O encontro tamén conta coa colaboración da Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Fundación Paideia Galiza.