Transferencia e Divulgación

Transferencia e Divulgación


A Fundación Banco Sabadell entrega á investigadora Elena Ojea o seu Premio á Sostibilidade Mariña

A científica da Universidade de Vigo recibiu o galardón que recoñece o seu traballo na adaptación e transformación dos sistemas socio-ecolóxicos mariños e na avaliación da vulnerabilidade e riscos fronte ao cambio climático.
O xurado do premio, formado por científicos e científicas de universidades e centros de investigación de todo o país, valorou especialmente a perspectiva holística do traballo que desenvolve Elena Ojea á fronte do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña da UVigo no que integra “non só aspectos ecosistémicos da sostibilidade mariña, senón a vertente máis social, facendo fincapé na visión de xustiza e equidade e incluíndo a perspectiva de xénero”. No seu fallo tamén destacaron o papel de Ojea en paneis internacionais como o IPCC, a FAO e o High Level Pannel for a Sustainable Ocean Economy, nos que as súas achegas para o asesoramento de novas políticas na esfera internacional teñen sido altamente valoradas. A investigadora do CIM-UVigo e do dapartamento de Economía Aplicada recoñecía que "recibir o Premio Sostibilidade Mariña supón unha gran satisfacción. Emocióname saber que son parte dun grande esforzo colectivo que está impactando na sostibilidade dos océanos".