Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
A Illa de San Simón acollerá un congreso sobre empresas da economía social
O Congreso Internacional de Economía Social, Eescoop, regresará a Galicia e celebrarase na Illa de San Simón, sendo un dos responsables do comité organizador o profesor do departamento de Economía Aplicada, Carlos Iglesias Malvido.
Este evento vén realizándose dende o ano 1996 en forma de seminarios de investigación, pero en 2016 optouse por cambiar a formato de congreso “como consecuencia do interese que espertaban esas reunións, e co ánimo de abrir a participación a investigadores de universidades doutros países”, explican os responsables do comité organizador, os profesores María José Cabaleiro e Carlos Iglesias, ambos integrantes do grupo de investigación Post-Growth Innovation Lab.
Esta nova edición terá como lema As Empresas da Economía Social: desde a actividade tradicional cara á innovación tecnolóxica e social. Preténdese, como explican dende a organización, “poñer en común as actuais liñas de investigación e as experiencias prácticas que veñen desenvolvendo neste ámbito. Son referencia obrigada as actividades tradicionais vinculadas á economía social, nas que os principios cooperativos permitiron o seu mantemento e desenvolvemento constante, como tamén o son as actividades emerxentes vinculadas ao sector servizos, do que están a xurdir experiencias de éxito propiciadas, entre outros factores, pola innovación tecnolóxica”.

