Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
Un novo volume editado polo Servizo de Publicacións da UVigo reúne sete ensaios sobre o traballo de coidados
“Non nacemos para coidar. A realidade dos coidados desde unha perspectiva de xénero”, é unha aproximación multidisciplinar á realidade dos coidados desde unha perspectiva feminista.
“Con este volume preténdese dar a coñecer investigacións realizadas por investigadores e investigadoras da UVigo sobre a realidade dos coidados: tanto desde o eido lexislativo, sociolóxico, económico ou da historia. Trátase de achegar ao público unha publicación cos temas máis candentes sobre o traballo de coidados na nosa sociedade”, explica a coordinadora e autora dun dos capítulos do libro, Iria Vázquez (profesora de Socioloxía na UVigo).
Ao longo de 150 páxinas, as autoras e autores especializados en Historia, Dereito, Socioloxía, Economía e Traballo Social percorren os coidados desde diferentes enfoques, “todos eles necesarios para comprender a súa complexidade”, asegura Iria en relación coas achegas de Andrea Mouriño Schick, Carmen Verde-Diego, Jaime Cabeza, Sabela Pérez-Martín, Javier de Cominges Cáceres, Águeda Gómez e Olga Alonso-Villar e Coral del Río (estas últimas profesoras do departamento de Economía Aplicada).
Estas dúas economistas ofrecen en “Dime o teu sexo (e nacionalidade) e direiche en que traballas” unha análise pormenorizada do grao de feminización das ocupacións máis estreitamente vinculadas cos coidados en España, distinguindo o papel xogado polas mulleres nativas e as inmigrantes.

