Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
O Itinerario Formativo Virtual en Xénero da UVigo xa ten novos cursos
O Itinerario, que xa vai pola 12ª edición, está composto por 23 cursos de distintos ámbitos. A catedrática do departamento de Economía Aplicada, Xulia González Cerdeira, é a responsable do curso "Economía de Xénero".
Esta formación busca introducir a perspectiva de xénero na formación da comunidade universitaria da Universidade de Vigo. A proposta, a coordinación e o seguimento desta acción formativa lévaos a cabo a Unidade de Igualdade, e conta co apoio financeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Os obxectivos do curso Economía de Xénero son: introducir transversalmente a perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos da vida para desenvolver os valores de igualdade e mellora do benestar; identificar as desigualdades estruturais e sistémicas derivadas da categoría xénero nas áreas sociais, económicas, xurídicas, políticas e culturais e nas institucións sociais que as perpetúan; analizar as estatísticas do mercado de traballo dende a perspectiva de xénero para identificar as desigualdades estruturais entre homes e mulleres; afondar nas causas da fenda salarial a partires de artigos de investigación en Economía de Xénero; e fomentar a corresponsabilidade de homes e mulleres nos coidados.

