Transferencia e Divulgación
Transferencia e Divulgación
Albino Prada analiza nun novo libro os retos que Galicia debe asumir para deixar de ser un país “desnortado e minguante”
A obra, titulada “Galicia. Un país desnortado e minguante”, está editada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo e foi presentada na biblioteca da EMAO (Vigo) dentro do ciclo organizado polo Ateneo Atlántico.
Neste ensaio Albino artella “unha ollada poliédrica -non economicista- con argumentos de fondo que axuden a centrar unha estratexia de desenvolvemento acaída para o país”, un país que, tal e como vai debullando o autor ao longo da obra, presenta claros síntomas de ir minguando e, tamén, de andar desnortado.
Ao longo de preto de 200 páxinas, divididas en cinco grandes capítulos e un limiar, o autor procura enfrontar os grandes retos que Galicia debe asumir. Tras un primeiro capítulo de introdución e panorámica, o capítulo 2 métese de cheo no que denomina ‘as bases produtivas”, incluíndo diferentes cuestións relativas ao PIB, riqueza e benestar social, medios de transporte e comercio exterior, os eléctricos e as eólicas. O capítulo 3 céntrase xa nas bases territoriais e institucionais, e o 4 nos ‘balances e resultados’, meténdose de cheo en conceptos como xeración perdida (2000-2019), protección social e sanidade neoliberais. No último capítulo, Ano 2050, utopía ou distopía?, o autor presenta a “estratexia utópica” para deixar de ser un país desnortado.

